CHANCHONADA 46º
Antenas sen licencia
Levamos varias semanas estudiando a Lei 12/2.012 do 26 de Decembro, sobre “medidas urxentes de liberalización do comercio e de determinados servicios”, que anula un Real Decreto Lei aprobado en Maio do 2.012, para así suprimir algunhas licencias municipais, especialmente as de apertura de pequenos establecementos comerciais.
Como vedes os nosos deputados, senadores, gobernantes son unhas máquinas, primeiro aproban unha cousa e 7 meses despois anulan iso; agora un paso para adiante e logo outro para atrás. Pero ollo, esta norma está chea de “parches”, son certas disposicións que se introducen durante o debate parlamentario, nada menos que ¡¡14 disposicións transitorias e adicionais!!,... as cales introducen modificacións en 8 Leis,... Como vedes, os políticos que temos son uns mestres liando e embarullando todo cando lexislan. Nestes barullos das disposicións é onde introducen os favores para os “amigos”.
Legalmente agora xa non é necesaria a licencia previa para a apertura dun establecemento comercial, sendo substituída por unha declaración responsable do interesado. Isto non resolve nada, pero vai xerar moitos problemas na xestión diaria de tódolos Concellos, especialmente no tema das licencias de instalación das antenas de telefonía móbil,... aquí dáselles “barra libre” ás grandes operadoras para que fagan e desfagan como teñan a gusto facer.
Por exemplo, o Tribunal Supremo anulou o Decreto da Generalitat de Cataluña que pretendía establecer unha ordenación na instalación destas antenas, por entender que invadía competencias estatais (sentencia do 12 de Marzo do 2.011); tamén hai outras sentencias que anulan ordenanzas locais que tentan face-lo mesmo,... A conclusión é que o Goberno Central do PSOE non lle interesaba regular este sector, pero agora ó PP tampouco,... realmente xa levan anos deixando que ás grandes operadoras fagan o que queiran coa instalación de antenas.
É evidente que coa expansión do número de liñas de telefonía, aumento do tráfico de datos, conexións a internet,... faise necesario para aumenta-la cobertura a instalacións con novos equipos de antenas e a modernización das existentes,... Con esta normativa legal introducida de “tapadillo” agora as compañías poderán facer e desfacer como elas queiran. Dende un punto de vista xurídico, isto pode ser legal, pero non é xusto; pois o que están a face-los lexisladores, é sitúa-los intereses dunhas grandes empresas por riba dos intereses duns veciños, representado polo seu Concello, deixando ós veciños nunha situación de indefensión xurídica.
Xa levamos perto de 20 anos có funcionamento das redes de telefonía móbil,... ¿non creen os nosos políticos que vai sendo hora de facer un marco xurídico que regule todo este sector?,... Con esta normativa, a empresa pode instala-la antena onde lle pete, non está obrigada a comunica-lo ó Concello, non hai normativa que regule as características de construcción, instalación, funcionamento,... ¿quén garantiza a seguridade da instalación?, ¿quén é o responsable da inspección da mesma?,... evidentemente a antena está a facer unha actividade técnico-económica que xera ingresos para a compañía,... ¿porqué está exenta de pagar impostos ó Concello?, ¿non é isto un privilexio?, ¿non atenta contra o principio de igualdade ante a Lei?,... Pois estas compañías teñen ánimo de lucro, non regalan nada,...
Queridos lectores e amigos, resulta fundamental saber a onde temos que ir, por que se non, podemos rematar por chegar a un sitio onde non queremos estar. A nós parécenos, (é a nosa opinión) que os nosos políticos non saben a onde temos que ir, polo tanto non saben que rumbo teñen que tomar no temón, se logo chegamos a un sitio onde temos máis problemas, a culpa non será deles (pois nunca se fan responsables de nada) e os problemas os sufrimos nós,... pois eles viven no se “parnaso particular”.
Mirador do Monte Ancos, a 13 de Marzo do 2.013
No hay comentarios:
Publicar un comentario