domingo, 2 de noviembre de 2014

Castañas en Cerveira

CHANCHONADA 332º
Castañas en Cerveira.



Un xubilado que cobra unha pensión no é un ignorante financeiro”. Esta frase, a dixo o Sr. Miguel Blesa na súa declaración ante a Audiencia Nacional, para xustifica-la súa xestión das emisións de preferentes feitas por Caja Madrid. Ou sexa, un xubilado, estes homes e mulleres que naceron nos anos 30, 40 e primeiros dos 50, que apenas acudiron a unha escola, que ainda sen remata-la infancia xa estaban a traballar,... estas persoas teñen que ter coñecementos de productos financeiros complexos; pero persoas que foron ministros, que son inspectores de Facenda, que foron Secretarios de Estado de Facenda,... esas persoas descoñecen que deben pagar impostos. Agora resulta que estábamos ogbernados por tontos.

Os nosos pais serán persoas sen estudios, pero non son tontos; para iso estamos os seus fillos, para defende-los seus dereitos. En troques eses listillos que presumían de coñecementos para ocupar altos cargos do Estado, agora din que eles eran ignorantes. Realmente, o que lles sobra é moita cara dura.


Como moitos miñotos deste lado galego do río Miño; os sábados pola tarde acudimos a Vila Nova de Cerveira, para desfrutar do día de mercado, dun paseo polos parques que están na beira do río,... Este sábado, mentras unha parte da familia facía compras no mercado, outros mercamos unhas castañas asadas, e as disfrutamos no antigo transbordador, gozamos deste sol de “veroño” (díse do tempo estival que prolongase no outono)... onde nos acompañou outro veciño, recoñecido e vello militante do PP tomiñés. Entre castaña e castaña, un grolo de cervexa,... foi facendo reflexións,... moitas delas moi persoais, pero todas elas moi sinceiras.

Como militante do PP está asqueado ante tanto alto cargo do PP e “amigotes” próximos a estes implicados en casos de corrupción. Durante anos, este veciño traballou con ánimo e total desinterés para o PP, pegando carteis, repartindo votos porta a porta entre os veciños das parroquias de Estás, Figueiró, Goián,... ¿para qué?. Para poñer a catro en postos de diputados, para que logo poñan ós seus amigos e familiares en altos postos da Administración, para facer negocios con outros amigotes,... Nunca, ningún deses deu a cara ante os veciños, nunca reparten votos porta a porta, nunca van a pegar carteis,... ¡¡¡Que traballen os tontos, para beneficio dos listos!!!

El sempre foi unha persona traballadora, un empregado dunha empresa con sede en Vigo,... agora está xubilado. Sinte asco, ó ver como esas persoas que ocupan altos cargos que están ben pagados, ainda por riba cobraban sobres en diñeiro B, ou tiñan tarxetas opacas,... Aqueles que deben dar exemplo, son os primeiros en ocultar diñeiro á Facenda Pública. Sente moito asco, pois durante anos el e outros compañeiros puxeron diñeiro dos seus petos para paga-la cola dos carteis, pagaban a gasolina dos coches que facían publicidade coa megafonía,... Aqueles que pregoan a favor dos recortes, son os que nunca recortan os seus privilexios.

Está seguro que durante moitos anos, tanto el como outros militantes do PP foron usados como man de obra barata, para que certos señoritos e familiares tomasen asento nos postos de dirección da Administración. A opinión da gran base de militantes nunca foi consultada, nin para as eleccións municipais,... aquí chega un señor da Deputación e di quen debe ser o candidato do PP para a Alcaldía do Concello; os demais a calar e a pegar carteis.

Todo ten un límite, a paciencia tamén se esgota. Xa non está disposto a traballar para beneficio deses catro, non quere ir porta a porta pedindo o voto, escoitar reproches, malos xestos,... e outras cousas; depois de todo el sempre foi un militante de base, nunca tivo un posto de concelleiro nin nada similar, nunca “enchufou” a ninguen,... Xa ten claro que non vai poñe-la cara para receber bofetadas polo que outros fixeron.

De momento, o seu asco é tan forte que xa non quere saber nada, non pensa pegar carteis, nin repartir votos, nin estar de apoderado nunha mesa,... xa non lle importa que candidato ou candidata presenta o PP en Tomiño, e moito menos os de Tui, A Guarda,... Gustaríalle que o próximo 25 de maio do 2.015 fixese sol, para pasa-lo día na praia.

Escoitamos isto en silencio; só o noso sogro interviña na conversa. De verdade que o nivel de asqueamento e desolación da nosa sociedade é moi grande. Noutras persoas do PP, e tamén do PSOE, temos ollado un sentemento similar. Isto non é unha boa sinal, os altos cargos dos partidos viven nos despachos das súas torres de márfil, ben enmoquetados, e semella que non lles chega o asco que sinten os seus militantes e simpatizantes; que van desertando desas posicións, pois hai actitudes e feitos que son indefendibles, e eles non son os culpables, non teñen porque agacha-la cara en sinal de vergoña ante os seus veciños.

En silencio, pensábamos, para iso naceu este “Mirador”, para que a xente normal soubese de cousas ocultas dos políticos que están nas direccións, que soubesen o que fan, o que non fan,... que esa información que eles tratan de ocultar, rematase por chegar ó coñecementos dos veciños. Pero esta situación de desánimo e derrotismo non é boa, pois lle deixa campo libre para eses que rouban o noso, ninguen lles vai a opoñer resistencia dentro das estructuras dos partidos.

Posiblemente, a gañadora das vindeiras eleccións locais sexa “Dona Abstención”. Isto non é bó; pois a non particpación dos cidadáns é algo así como un acto de cobardía, de aceptar unha derrota de toda a sociedade, Deste xeito con que voten só os militantes máis ácerrimos dos partidos, as eleccións xa serían válidas,...



Mirador do Monte Ancos, a 1 de Novembro do 2.014.
Fructuoso Perales del Manzano. Maestro artesano en la elaboración de zumos de frutas, Fábrica de zumos artesanales “O Exprimidor” (Melín; Ourense; España).


No hay comentarios:

Publicar un comentario