lunes, 3 de agosto de 2015

Pementos de Padrón

CHANCHONADA  449º
Pementos de Padrón.



As cousas dos expatriados son complexas, unha delas é que non podemos esquence-las nosas costumes orixinais; dende logo a tempada estival é moi propicia para practicalas, así é como un nexo que nos mantén vinculados ás nosas raizames, aínda que tentar levalas á practica aquí no extranxeiro non resulta doado,... que si unha churrascada en Londres, unha mariscada en Basilea,... O máis difícil e atopa-los nosos productos típicos para estes menesteres tan propios, cando non se atopan hai que improvisar con outros productos similares, que sexan dignos substitutos para a realización do evento.

¿Un verán sen pementos de Padrón?. Para un galego o verán necesita dunha churrascada, dunha sardiñada, dunha empanada de xoubas e de pementos de Padrón,... Atopar pementos de Padrón aquí por centro Europa non é fácil; uns amigos resolveron o problema cultivando a súa propia colleita de pementos e xa van polo 3º ano que collen unha colleita de pementos de Padrón por estas terras de Silesia (Slaskie); ben agora xa son pementos de Padrón con denominación de orixe polaca (Polski pieprz padrowa). Aseméllanse ós orixinais, ós propios de Galicia, son algo máis carnosos e menos picantes. Os pementos habaneiros que están tratando de cultivar, de momento non hai resultados dignos de mención, mentres que os cultivados no Rosal pouco a pouco xa se están adaptando e producindo uns resultados axeitados: poucos e moi picantes.

Resulta sorprendente, os poucos pementos de Padrón que temos atopado nos mercados e centros comerciais proceden de Marrocos e de Canarias. ¡¿?! Con sinceridade, sería lóxico facer menos festas gastronómicas para promociona-los nosos productos entre nós, e máis vir aquí a estas terras a vendelos, pois outros xa están vendendo os seus productos e aproveitándose da merecida fama dos nosos.


A actual rúa Concepción Arenal de A Guarda, é unha das rúas principais da Vila guardesa, é o principal acceso ó porto guardés, sirve como marco de celebración a importantes eventos sociais de diverso tipo e formato,... e nos vindeiros anos vai ter protagonismo social e político. O ideario de seu uso era abrir unha vía de comunicación directa para o porto pesqueiro da Guarda, así como crear unha zona de expansión urbana para a Vila; o proxecto orixinal data de finais do século XIX, pero teremos que esperar ós anos da postguerra para a construcción desa idea proxectada polo Sr. Andreini. Posiblemente o proxectista e os constructores non foron capaces de imaxina-lo rápido crecemento urbano que tería como eixo está rúa, nin tampouco imaxinaron a rápida expansión do parque de vehículos a motor.

En certo modo a zona portuaria da Guarda é un dos “pulmóns” económicos, en consonancia a rúa Concepción Arenal é a traquea do mesmo, o lugar por onde entra e sae o aire dos pulmóns; se a traquea sufre unha obstrucción, os pulmóns corren o risco de fenecer por asfixia. As obras que se teñen feito nos últimos anos na rúa Concepción Arenal teñen suposto unha obstrucción traqueal que está a poñer en risco a saúde do “pulmón portuario”.

O porto necesita un vial de acceso máis dinámico, que admita un maior caudal de tránsito de vehículos, que aporte fluidez a este tránsito,... este problema xa debería levar anos resolto; lamentablemente non é así; hoxe está rúa xa non é unha alternativa viable de acceso ó porto. Ten unha alta concentración e densidade de construccións urbanas que fan inviable a ampliación do ancho da rúa, pois habería que comprar ou expropiar moitos edificios para o seu derribo, iniciar trámites administrativos e xudiciais para expropiar,... Esta solución sería moi complexa, custosa e moi lenta.

Calquera tipo de obras nesta rúa é malgastar diñeiro, supón un parche que non soluciona nada. En vista que a ampliación non é viable, só queda unha alternativa: crear un novo vial de entrada e saída para o porto. O obxectivo desta solución é que fose operativa antes de 4 anos, e que sexa útil para os vindeiros 80 anos.

Ó pensar nesta solución, vemos que as obras do paseo de Santa Catalina en dirección sur, non foron pensadas con vistas de futuro, e polo tanto foi diñeiro mal gastado. O vial a construír debe saír dende a zona de Santa Catalina ata a zona de Fontequente; con dous carrís de circulanción (un para cada sentido), un carril de estacionamento, e unha zona de tránsito para peóns. Por desgracia, o vial e paseo que existe dende fai pouco anos non cumpre con estes requisitos.

Logo este vial debe conectarse coa estrada que ronda o Monte, pola zona sur do barrio da Cruzada. En principio este novo vial todo el transita a unha escasa altura sobre o nivel do mar (non máis de 4 metros), pero a estrada que ronda o Monte pola zona da Cruzada está a 50m de altura sobre o nivel do mar, ademais a distancia horizontal entre elas non é moi extensa, polo cal a pendente entre ambas é alta; isto fai que non sexa interesante nin práctico facer unha conexión directa, nin tampouco andar a facer unha conexión en zig-zag,...

Hai que busca-la zona de menor diferencial de altura entre as dúas estradas, esta zona é a situada ó sur de Fontequente e A Catanga. O diferencial de altura é menor de 20 metros; é o lugar onde a pendente para o vial de conexión é menor, o punto de conexión está situado nunha recta, fóra da zona urbana,... Cando o vial chega ó núcleo de Fontequente, fai un xiro de 90º en dirección ascendente para conectarse na zona da Catanga coa estrada que ronda o Monte; podendo facelo cunha rotonda, glorieta ou outra solución.

É importante que o núcleo urbano de Fontequente fique ó norte do vial de conexión da estrada do porto coa estrada que ronda o Monte; así ficará sinalado o límite sur deste núcleo urbano. Todo o tráfico que entra no porto, ou sae do mesmo, transita fóra de calquer tipo de núcleo urbano,... isto engade fluidez e seguridade para os veciños residentes. En troques, o proxecto de vial que hai no proxecto de PXOM fai que o vial de conexión pase por medio do núcleo urbano de Fontequente, ademais de face-lo punto de conexión na zona de máis altura desa zona,... mais ou menos na mesma zona onde o Alcalde emérito, mal gastou diñeiro en poñer un tronco como monumento.

Queridos señores concelleiros, vostedes poden falar e falar do que queiran, pero a realidade física do entorno está ahí: as ladeiras do Monte entre a zona da Cruzada ata a zona norte de Fontequente son de moita pendente; a zona con ladeiras de menor pendente están ó sur do núcleo de Fontequente.


Mirador do Monte Ancos, a 3  de Agosto do 2.015.
Pedro  Trabajo Lento.  Inspector de Seguridad Laboral (Correpoco; Cantabria; España).








No hay comentarios:

Publicar un comentario